1º de Maio en Vigo

Perante este primeiro de maio, Día do Internacionalismo Proletario, desde Anova Vigo decidimos apoiar as seguintes manifestacións que se van celebrar na nosa cidade:

– Manifestación convocada pola CIG que saíra ás 11,30 dende o cruce da Doblada (levaremos faixa de Anova).

– Manifestación convocada pola CUT que saíra ás 11 dende Fernando Católico (levaremos faixa de Anova).

Imaxe

Así mesmo, compartimos o texto elaborado pola nosa organización:

Desde Anova IN facemos un chamamento a participar nas distintas mobilizacións convocadas nesta xornada no noso país, e reforzar a organización e a mobilización a prol da igualdade e a xustiza social.

Este 1º de maio, día do internacionalismo proletario, celébrase no noso país baixo unha situación de emerxencia social inaturábel, cunha taxa de desemprego que alcanza xa o 22 por cento da poboación activa e un aumento das desigualdades que eleva ata o medio millón as persoas que en Galiza viven por debaixo do umbral da pobreza, cen mil delas nenos e nenas.

Esta situación é consecuencia directa das políticas ultraliberais impostas polos gobernos do Partido Popular, tanto na Xunta como no estado, e da Unión Europea, todos eles responsábeis de gobernar ao servizo dos poderosos e contra a maioría social. As sucesivas reformas laborais, o desmantelamento dos servizos públicos esenciais mediante a súa privatización e a represión contra a protesta social son as receitas implementadas polos mandados da Troika, responsábeis do sufrimento e do empobrecemento masivo que estamos a padecer.

O gran capital e os seus servidores queren refundar o capitalismo ao custo das nosas vidas, por iso cómpre axir contra os responsábeis desta situación a través da mobilización social, unindo esforzos desde todos os sectores do pobo agredido para repeler esta barbarie.

Desde Anova IN facemos un chamamento a participar nas distintas mobilizacións convocadas nesta xornada no noso país, e reforzar a organización e a mobilización a prol da igualdade e a xustiza social.

NOTA: O portavoz Nacional de Anova-IN, Xosé Manuel Beiras, acudirá, como de costume, ás mobilizacións do 1 de maio en Vigo. Ao tempo, o Coordinador Nacional, Martiño Noriega, acompañará as de Compostela.
Advertisements
1º de Maio en Vigo