Corcoesto!

Alternativa Galega de Esquerda esixe que o director do Igape explique as súas conversas e esmorgas con Mineira de Corcoesto
· O deputado Antón Sánchez amosa documentos segundo os que o alto cargo avalou nunha cea o proxecto de mina mesmo sen coñecelo

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2014.- O recurso potestativo de reposición presentado pola compañía Mineira de Corcoesto-Edgewater o pasado 16 de abril contra a paralización dos seus plans de explotación mineira amosa ben ás claras a indecente colusión entre intereses privados e altos cargos da administración pública baixo o Goberno de Alberto Núñez Feijóo. “É de especial gravidade o contido dun apartado do documento [no arquivo anexo]”, denuncia o deputado de Alternativa Galega de Esquerda Antón Sánchez, “en que unhas declaracións do director do Igape, pronunciadas nunha esmorga, en concreto nunha cea, demostran que este alto cargo avalou o proxecto de Corcoesto diante da empresa multinacional mesmo sen coñecelo”.

“De se confirmar a información recollida no recurso da mineira”, engade Sánchez, “o director do Igape, o señor Javier Aguilera, actuaría de xeito totalmente irregular dentro dun procedemento administrativo”. O texto de Mineira de Corcoesto vén recoñecer contactos e compromisos coa propia multinacional á marxe da legalidade e da máis mínima ética. “O interese público, que en teoría debería defender Aguilera, queda relegado ao final das preocupacións do representante da Xunta”, denuncia o parlamentario de AGE, quen acrecenta: “Esta actitude mesmo podería ser ilícita penalmente”.

Para Alternativa Galega de Esquerda, estes feitos resultan absolutamente intolerábeis. Unha vez máis, o Partido Popular goberna a prol de quen non se presenta ás eleccións e só busca facer negocio a forza de explotar traballadoras e traballadores e a natureza do país. “É urxente que o director do Igape compareza no Parlamento e explique de contado se, efectivamente, o contido do recurso de Mineira de Corcoesto responde aos acontecementos reais”, reclama Antón Sánchez, “e de ser certo, o señor Aguilera debe dimitir ou ser cesado de xeito fulminante. O conselleiro de Economía e Industria deberá, a maiores, asumir responsabilidades políticas”.fotografo-coruña-14

Advertisements
Corcoesto!