#REPÚBLICA GALEGA

autodeterminacion

ANOVA VIGO POLA REPÚBLICA GALEGA

ANOVA Vigo apoia, como xa o vén facendo nas concentracións dos últimos días, a manifestación convocada pola Asemblea Republicana contra a monarquía borbónica pra o vindeiro 17 de xuño. Sumámonos así á reacción xeral dos partidos e movementos de esquerda pra dar unha resposta firme a este xiro calculado no calendario político do réxime.

A monarquía, sábeno ben o conxunto dos cidadáns, comezou xa hai anos unha deriva que conseguiu desprazar a imaxe da «familia real» das páxinas en papel couché, propias das publicacións máis frívolas, pra situalos no foco central de todos os medios de comunicación.

O cúmulo de despropósitos, os síntomas de desconexión coa realidade, o comportamento errático, a cobiza desmedida, os negocios sucios e os procesos xudiciais en curso por diversos delitos fiscais e apropiación indebida de fondos públicos, ou sexa, casos de corrupción pura e dura que atinxen a unha parte da «familia real», supuxeron un descrédito insostible que se foi convertendo nun estado de opinión xeral crítico ou abertamente contrario ao papel institucional da coroa.

A renovación ou reiniciado da institución monárquica era xa impostergable. Pero conviña escoller o momento máis oportuno, e nesa decisión foron consultados, ademais do presidente Rajoy, os dous grandes partidos que sosteñen a monarquía dende a chamada Transición, e que cada vez máis, nesta etapa especialmente convulsa, artellan os seus pactos de costas ao conxunto dos pobos e das nacións do estado.

Nos últimos tempos, como acabamos de comprobar tralos resultados das eleccións europeas, no é soamente a coroa e a figura do rei a que se cambalea, senón tamén eses dous piares da monarquía, o PP e mais o PSOE, que recibiron con estupor o forte abaneo popular expresado nas urnas de xeito democrático e incotestable. Os dous grandes partidos son os principais responsables de facer repercutir, mediante políticas económicas inxustas e ineficaces, os efectos nefastos da crise sobre os ombreiros das clases populares, preservando os intereses das grandes corporacións e do capital financeiro. O seu fracaso electoral foi percibido polo réxime coma unha alarma de perigo inminente. Esa alarma precipitou a decisión de renovar a imaxe da monarquía.

A estes dous síntomas claros de deterioramento progresivo do edificio político e institucional español, veu sumarse nos últimos meses o chamado «problema catalán», ao que o goberno central respondeu sempre con soberbia e prepotencia, coma se fose pouco máis ca un farol político do nacionalismo burgués de CiU. Pero tanto nas rúas e prazas de Catalunya coma nas eleccións do 25 de maio, ese «problema» acadou unha expresión maioritaria, que abrangue o conxunto da sociedade catalá, e que se nuclea arredor dunha reivindicación ineludible: o dereito a decidir. O pobo de Euskadi vén de enlazar nestes mesmos días unha longa cadea de irmandade entre Durango e Pamplona. A súa reclamación pacífica é a mesma: o dereito dos pobos a decidir o seu futuro político libremente!

O problema catalán, o problema vasco, o problema galego. Os conflitos históricos das nacións oprimidas, pendentes de resolver, están no cerne do Gran Problema España.

Como afirmou hai poucos días Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de ANOVA: «o mesmo ten un Borbón ca outro». Ese recambio de Borbóns, que foi aprobado no parlamento español co apoio do PP, PSOE e mais UPyD, nomeadamente, non supón unha mudanza substancial no edificio político do réxime. Mais o feito de producirse agora este intento de renovación e lavado de cara monárquico, converte a causa da República e a reclamación dun referendo en máis urxentes e necesarias ca nunca dende o final do franquismo.

Pola unidade das forzas de esquerdas e nacionalistas cara á ruptura democrática!!
Por unha República galega e socialista!!

ANOVA-IN VIGO

Advertisements
#REPÚBLICA GALEGA