NON SE PODE PERMITIR

O PP admite cinco anos de “deixadez” no mantemento do hospital do Meixoeiro
A deputada de Alternativa Galega de Esquerda Eva Solla denuncia “gravísimas deficiencias” no centro vigués e esixe medidas de “mantemento estrutural”

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2014.- A xerente do Sergas admitiu na comisión parlamentaria de Sanidade “cinco anos de deixadez” no coidado do hospital público do Meixoeiro de Vigo. Foi logo de que a deputada Eva Solla, de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), denunciase as “gravísimas deficiencias” que sofre o centro “dende hai décadas”. Na primeira das dúas quendas de palabra das que dispuña, Domínguez afirmou: “Se como di vostede levamos dez anos de deixadez, nós somos responsábeis de cinco”.

Máis alá do arrouto de sinceridade da alto cargo da Xunta de Feijóo, o certo é que o estado do Meixoeiro roza o intolerábel. “Non se pode permitir que un hospital que apenas conta 25 anos”, explicou Eva Solla na defensa dunha pregunta parlamentaria (no documento anexo), “estea como está. As deficiencias gravísimas só se poden arranxar cun mantemento estrutural”. As filtracións e humidades chegan á UCI e mesmo ao bloque cirúrxico e poñen en risco a saúde dos pacientes. Os vestiarios, por veces, anéganse. Pecháronse 37 camas por mor das pingueiras nos cuartos a finais de 2013 e así continúan.

A propia parlamentaria de Alternativa levou a grave situación do hospital ao pleno do Hórreo o pasado marzo. O único que conseguiu foi a asunción, por parte da conselleira de Sanidade, de que o custo da reparación sería demasiado elevado. “Daquela, Mosquera dixo que, cando fora bo tempo, arranxaríanse os problemas. Levamos semanas e non hai nin obras nin licitacións”, engadiu Solla, “nada mudou dende hai décadas. Nin sequera dende hai tres meses”.

Ás promesas do Goberno do PP, cuxa estratexia consiste no deterioro á mantenta da sanidade pública para logo liquidala aos seus amigos empresarios, de que axiña repararan deficiencias estruturais no Meixoeiro, a deputada de AGE amosouse escéptica: “Xa sabemos que prometen moitas cousas e tamén sabemos como logo non as cumpren”.

Advertisements
NON SE PODE PERMITIR