AGE esixe que a Xunta pida ao ministerio revisar as ponencias de valores catastrais dos concellos

Alternativa Galega de Esquerda esixe que a Xunta pida ao ministerio revisar as ponencias de valores catastrais dos concellos.

O deputado Antón Sánchez apóiase nunha sentenza do Supremo segundo a que o solo urbanizábel sen desenvolver non pode considerarse urbano a efectos catastrais.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2014.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, esixe que a Xunta pida ao Ministerio de Facenda a revisión de oficio das ponencias de valores e, xa que logo, os valores catastrais que determinan o pago do IBI. O obxecto desta petición, para a que o grupo parlamentario rexistrará iniciativas no Hórreo, é “axustar a clasificación catastral á doutrina contida nunha sentenza do Tribunal Supremo do pasado 30 de maio”.

A sentenza desestima o recurso de casación en interese de lei formulado no seu día polo Estado e ratifica o fallo segundo o que o solo urbanizábel non pode ser valorado catastralmente como urbano se non ten aprobado o instrumento de desenvolvemento de ordenación detallada. “A efectos catastrais”, di o ditame xudicial, “só poden considerarse solos de natureza urbana o solo urbanizábel sectorizado ordenado así como o solo sectorizado non ordenado a partir do intre de aprobación do instrumento urbanístico que estabeleza as determinacións para o seu desenvolvemento. Antes dese intre o solo terá, como di a sentenza recorrida, o carácter de rústico”.

“Ata agora”, explica Antón Sánchez, “e en aplicación da Lei do Catastro Inmobiliario, as Ponencias de Valores –que fixan os valores catastrais dos terreos sobre os que se calcula o IBI e outras taxas municipais como a de plusvalías- consideraban como solo urbano os terreos clasificados polo Pxom como sólo urbanizábel, aínda se teren aprobado o instrumento de ordenación detallada”. E engade: “Deste xeito, o simple feito de inclusión dun terreo nun sector de solo urbanizábel supuña a súa consideración como urbano, co que o seu valor catastral medraba e con el o IBI e outros xuros”. Para Sánchez, esta aplicación habitual dende hai anos, “implicaba un aumento indebido da presión fiscal á cidadanía, que pagaba como urbanos terreos que seguen en situación de rústicos”.

A conclusión do Tribunal Supremo na sentenza anexa, no que atinxe a Galiza, é que o solo urbanizábel –delimitado ou non- segue a considerarse rústico mentres non aprobe plan que o desenvolva –plan parcial ou plan de sectorialización. “Isto debería obrigar a que o catastro revise de oficio as ponencias de valores dos concellos xa que estas incorren en ilegalidade”, asegura o parlamentario. Esta revisión é esixida por Alternativa Galega de Esquerda, que tamén solicita que o Estado compense economicamente aos concellos.

Advertisements
AGE esixe que a Xunta pida ao ministerio revisar as ponencias de valores catastrais dos concellos