“A atención primaria está a ser desmantelada”

O PP vota en contra de que o Sergas entregue ao Parlamento datos requiridos por Alternativa Galega sobre as vacacións do persoal sanitario.
A deputada Eva Solla esixía o cumprimento do acordo unánime para abrir os quirófanos de tarde –que se aprobou-, unha auditoría das listas de espera e paralizar o peche de camas hospitalarias

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2014.- O Partido Popular votou en contra de que o Sergas comunique ao Parlamento de Galicia os datos solicitados reiteradamente por Alternativa Galega de Esquerda relativos ás quendas de vacacións do persoal sanitario. “Vostedes non responden ás preguntas que formulamos oralmente e por escrito, non dan a información que solicitamos e mesmo censuran as nosas intervencións”, afirmou a deputada de AGE Eva Solla na defensa dunha moción parlamentaria (no documento anexo) que tamén reclama unha auditoría das listas de espera, evitar o peche de camas hospitalarias e poñer en práctica o acordo por unanimidade para que haxa actividade nos quirófanos pola tarde.

“Quen non responde algo oculta”, denunciou a deputada, “e é indigno que non se responda. Así amosan o seu respecto polas institucións”. No pleno pasado, a conselleira de Sanidade Rocío Mosquera optou por tampouco responder á interpelación de Alternativa sobre o peche de camas e as listas de espera. “quixemos que, polo menos, vostedes se comprometesen a abrir camas se pacientes quedaban sen cuarto nos hospitais públicos”, lembrou Solla, non quixeron”. O aparello de propaganda da dereita neoliberal de Feijóo asegura que se reducen as listas de espera “porque se mellora a atención primaria”, mais iso, segundo a parlamentaria de AGE non é máis ca manipulación: “A atención primaria está a ser desmantelada”.

Malia o apoio dos outros grupos da oposición parlamentaria –incluída unha emenda engadida do PSdeG-, o Partido Popular pechouse en banda. A súa escolla estratéxica consiste en rematar coa sanidade pública, universal e gratuíta no momento da prestación e para iso agocha toda a información que pode á cidadanía galega. Nunha intervención ateigada do argumentario habitual, con referencias ao Goberno de Andalucía, o deputado do PP negou o respaldo do seu partido á moción de AGE. “Vostedes votan en contra de que se proporcione información solicitada por deputadas desta Cámara de forma oral e escrita”, advertiu, infrutuosamente, Eva Solla.

Finalmente, o PP si votou a prol do punto catro da moción para “poñer en práctica o acordo unánime do Parlamento de maio de 2013 para a apertura de quirófanos e consultas de especializada na quenda de tarde coa fin de aliviar as listas de espera”. Trece meses despois dunha iniciativa que eles mesmos apoiaron, cómpre levala de novo ao Hórreo para ver se o Goberno de Feijóo a pon en marcha.

Advertisements
“A atención primaria está a ser desmantelada”