FAME NUNCA MAIS!!!!!

AGE esixe á conselleira que “deixe de facer declaracións” e dea solución ao problema dos escolares que xa hoxe pasarán fame.

O deputado de AGE, Ramón Vázquez, lamentou que por culpa da incapacidade do goberno galego nenos e nenas do noso país xa hoxe non podan realizar unha comida en condicións.

O grupo parlamentar esixe medidas inmediatas para dar cumprimento ao acordo aprobado por unanimidade hai 12 días no pleno do Parlamento de Galicia

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2014.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixe á Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que “se deixe de dar declaracións aos medios” e adopte dunha vez as medidas precisas para dar solución ao grave problema dos escolares que xa hoxe non poderán realizar unha comida en condicións polo remate do curso escolar e con el o peche dos comedores. O deputado Ramón Vázquez considera inaceptábel que despois de se aprobar por unanimidade no Parlamento de Galicia a iniciativa presentada polo seu grupo parlamentar, na que se esixía á Xunta “a levar a cabo as medidas necesarias para evitar que ningún neno ou nena careza de alimentación ou sustento necesario por estar en situación de vulnerabilidade, poñéndose en marcha convenios cos concellos interesados, podéndose usar as instalacións dos centros educativos en colaboración cos servizos públicos de benestar”, doce días despois o goberno galego continúe sen explicar que se vai facer. Esta falla de responsabilidade e eficacia amosada, unha vez máis pola Xunta de Galicia, provocará que hoxe mesmo moitos menores non podan facer unha comida en condicións. “Hoxe os nenos e nenas do noso país pasarán fame grazas a incapacidade do goberno de Núñez Feijóo” denunciou o deputado de AGE, Ramón Vázquez.

As últimas declaracións da conselleira Beatriz Mato negándose a abrir os comedores escolares durante o verán supón ademais unha total falla de respecto e ataque á cidadanía e ao Parlamento de Galicia posto que esta negativa, no que se traduce é no incumprimento, consciente e sen disimulo, dun acordo parlamentar de todas as forzas políticas elixidas polos galegos e galegas para lles representar na Cámara baixa.

Alternativa Galega de Esquerda esixe, unha vez máis, á Xunta de Galicia e a conselleira Beatriz Mato que poña en marcha de xeito inmediato os mecanismos necesarios para garantir que os nenos e nenas no noso país non teñan que pasar fame durante os meses de verán. O deputado Ramón Vázquez pola súa banda recomendou á conselleira que “se non se ve capacitada, como semella ocorrer, para solucionar este problema, o recoñeza e deixe o seu cargo” engadindo que o seu grupo parlamentar non ten inconveniente en indicar ao goberno galego o xeito de dar resposta aos os escolares nesta situación de grave necesidade.

O deputado Ramón Vázquez lembrou que o seu grupo parlamentar denunciou esta situación xa o remate do curso anterior a través de diversas iniciativas nas que se puña de manifesto a situación e se pedía á Xunta de Galicia a elaboración dun estudo para detectar as necesidades en materia nutricional do alumnado galego e establecer un protocolo de colaboración específico coas administracións locais, proposta que foi rexeitada de xeito continuado polo grupo do PPdeG. Durante este ano, AGE volveu denunciar o tema no mes de febreiro e marzo tendo a mesma resposta por parte do grupo que sustenta o goberno galego. Houbo que esperar ao último pleno, celebrado o 10 e 11 de xuño, para que os populares asumisen o grave problema e a necesidade de actuar. Agora a conselleira de Benestar anuncia que o goberno galego vai a elaborar un estudo sobre a situación da pobreza infantil xa que precisa destes datos para poñer en marcha os mecanismos necesarios para intervir. Este xeito intolerable de proceder é par a Ramón Vázquez unha proba máis da “falla de sensibilidade e de incapacidade demostrada polo goberno galego, á que se suma a súa arrogancia e desprezo aos grupos da oposición ao negarse a escoitar as súas propostas. Unha actitude que teñen que pagar os nenos e nenas do noso país”.

Advertisements
FAME NUNCA MAIS!!!!!