FORMACIÓN AGRARIA, SI!!!!!

Alternativa Galega de Esquerda asegura que a Xunta de Galicia está a deixar morrer a formación agraria cando é máis necesaria

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2014.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) levará á próxima Comisión de Medio Rural unha iniciativa sobre o progresivo desmantelamento da formación profesional agraria, impartida nos Centros de Formación e Experimentación Agraria. Este desmantelamento progresivo estase a levar a cabo a través dunha política sistemática de non reposición de persoal docente, ademais dunha irresponsable desidia á hora de supervisar a calidade da ensinanza nalgún centro. Proba disto son as denuncias realizadas polos alumnos e alumnas do CFEA de Sergude levan meses alertando das condicións precarias nas que se atopan, entre as que inclúen falla de profesorado e medios, reclamando unha educación de calidade que lles sexa útil no seu obxectivo de encontrar unha saída laboral no rural galego.

A resposta da Xunta de Galicia é a supresión dun dos ciclos que ate agora alí se impartían, o de Organización e xestión de empresas agropecuarias, en represalia cos alumnos máis activos nas protestas, prexudicando a aqueles que xa tiñan decidido continuar a formación no centro tal e como denuncia o deputado de AGE, Antón Sánchez.

Noutro dos centros, no CFEA de Guísamo hai un ciclo no que os alumnos dun ciclo estiveron sen profesor/a 15 horas á semana por non cubrirse dúas vacantes, de febreiro a xuño, “unha situación vergoñenta de falla de respecto ao alumnado, composto por mozos e mozas que buscan na formación agraria unha base para atopar traballo e moitas veces persoas que proveñen doutros sectores en crise e que coñecen do potencial do rural para atopar saídas vitais.

Recentemente publicouse a Orde de 9 de xuño de 2014 pola que se actualiza a oferta de ciclos formativos de grao medio e de grao superior polo réxime ordinario, por curso completo e en modalidade presencial, en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano académico 2014/15.

Nela ademais da xa citada supresión do Ciclo superior de Organización e xestión de empresas agropecuarias suprímese en Becerreá o Ciclo medio de Aproveitamento e Xestión da Natureza, co que a provincia de Lugo queda sen oferta deste ciclo, que so queda como oferta modular para adultos, e non completa,en Mondoñedo.

“Esta destrutiva política da Xunta de Galicia prodúcese cando a lista de espera de moitos destes centros é maior, e cando é máis necesario para o país” denunciou o deputado de AGE. Galiza conta cun enorme potencial de desenvolvemento no seu rural a través do agro e do monte, pero non se pode aproveitar dito potencial sen desenvolver entre outras cousas políticas de formación que eviten o fracaso de temperá de iniciativas potencialmente viables, e que articulen un sector baseándose no coñecemento e na calidade. “O goberno galego con estas decisións priva de futuro a Galiza e á súa mocidade, mostrándolles unicamente a porta da emigración” lamentou Antón Sánchez.

Advertisements
FORMACIÓN AGRARIA, SI!!!!!