Futuro para as Enerxías Renovábeis

Alternativa Galega de Esquerda solicita á Xunta explicacións sobre o impacto da nova orde das enerxías renovábeis no sector e mais en Sogama

O deputado Antón Sánchez denuncia que a maioría das alegacións do Goberno galego e das empresas do ramo foron desestimadas

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2014.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez, esixe explicacións á Xunta sobre a orde ministerial IET/1045/2014 do pasado 16 de xuño. É dicir, sobre a nova orde das enerxías renovábeis pola que se aproban os parámetros retributivos das instlacións tipo aplicábeis a determinadas infraestruturas de produción de enerxía eléctrica a partir de dontes renovábeis, coxeneración e residuos. “Esta normativa marca decisivamente o futuro das renovábeis e a viabilidade económica de Sogama”, considera Sánchez, para quen o sector se atopa “diante do resultado final da cruzada do Partido Popular contra as enerxías renovábeis, ás que responsabiliza en exclusiva do déficit tarifario”. O Goberno do PP produce, así, un agravio comparativo entre as renovábeis e a enerxía nuclear ou as grandes hidráulicas, as grandes favorecidas.

“A nova estrutura de parámetros retributivos supón un enorme impcto negativo para as enerxías renovábeis”, explica o parlamentario de AGE, “ao se fixar en función dunha rendibilidade ‘razoábel’ referenciada na débeda pública”. Trátase, engade, “dunha decisión política arbitraria e que cos datos actuais equivale ao 7,398% ou ao 7,503%, segundo os casos, en taxa de rendibilidade”. Nestas circunstancias, determinadas instalacións deixan de seren primadas aínda que continúen operativas. “É o caso dos proxectos eólicos de máis de 5 kw se son anteriores a 2004 e os de menos se son anteriores a 2002”.

A maioría das alegacións presentadas polas empresas de enerxía renovábel ou pola propia Xunta de Feijóo foron desestimadas. “Entre elas, as de maior impacto”, critica Antón Sánchez, “por caso as referentes á rendibilidade razóabel, aos ratios de investimento, á vida útil regulatoria, á supresión de primas para as instalacións anteriores ao 2004 nas superiores a 5kw e ao 2002 para as inferiores, etcétera”. Tampouco se atendeu á demanda do chamado sector eólico de que se incluíse no calculo dos custos o canon eólico.

“O silencio da Xunta e mais de Sogama é inexplicábel”, afirma Antón Sánchez. Alternativa Galega de Esquerda solicita as oportunas explicacións ao respecto ás consellerías de Industria e mais de Medio Ambiente. “Os responsábeis de ambos os dous departamentos deberan comparecer no Parlamento e explicar o impacto da orde das renovábeis no sector e na viabilidade económica de Sogama”, conclúe, “ademais de recorreren xudicialmente a norma en defensa do interese xeral e de que non se limite un futuro enerxético baseado na enerxía renovábel e na sostibilidade medioambiental”.

Advertisements
Futuro para as Enerxías Renovábeis