Non o aniquilamento da Escola Pública

Alternativa Galega de Esquerda denuncia o deterioro intencionado do público logo de coñecer os problemas do colexio ferrolán de Catabois
· Os deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron rexistrarán iniciativas parlamentarias para reverter a grave situación do centro

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2014.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denuncia, unha vez máis, o deterioro intencionado do ensino público con vistas á estratexia privatizadora do Partido Popular. E faino logo de que onte os deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron visitasen o colexio infantil de Catabois, en Ferrol, e comprobasen no lugar os problemas de humidades, o recorte no subministro de alimentos ou as dificultades para manter acesa a calefacción. En definitiva, toda unha serie de problemas derivada da continuada política de aniquilamento da escola pública.

Os parlamentarios de AGE anunciaron, nunha rolda de prensa posterior, que rexistrarán iniciativas na Cámara para esixir á Xunta “unha axeitada xestión, mantemento e desenvolvemento das políticas sociais que permitan facer das escolas infantís un servizo a prol das clases máis prexudicadas pola crise”. A maiores, engadiron, pretenden que o Goberno do PP garanta a conciliación da vida familiar e laboral e o acceso en igualdade de condicións á educación infantil.

“As taxas que cobran nestas escolas son indecentes”, critica Xabier Ron, quen lembrou que dende agosto do pasado ano unha persoa cun salario de 400 euros debe pagar 93 euros por levar cada cativa ou cativo á escola infantil. “A Xunta nega por sistema os abafantes problemas de milleiros de galegas e galegos”, afirmou Ron. En Ferrol, por caso, o Goberno oferta 36 prazas e só hai seis solicitudes para nenas e nenos de 0 a 1 ano. Esta situación desemboca no beneficio das garderías privadas, que polo mesmo prezo dan mellores condicións. Para Ramón Vázquez, a Xunta está a converter as escolas infantís nunha “gran chiriguitada que perdeu o seu carácter de servizo público”.

“En circunstancias de emerxencia social como a que estamos a vivir, as escolas infantís deben tender ao custo cero para as familias usuarias e saír fóra da órbita da especulación”, asegurou Vázquez, quen rematou cunha crítica á “acumulación por desposesión” que dá en arrasar con todos os servizos públicos.

Advertisements
Non o aniquilamento da Escola Pública