“Promoción do Autoemprego”

Alternativa Galega de Esquerda reclama que a Xunta habilite o orzamento preciso para completar as axudas ao “autoemprego”
O deputado Juan Fajardo denuncia que boa parte dos demandantes que cumprían requisitos corren risco de non cobrar as subvencións

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2014.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Juan Fajardo, rexistrará iniciativas parlamentarias para reclamar da Xunta as partidas orzamentarias precisas para completar as axudas á “promoción do autoemprego” agora en risco pola presunta falta de “crédito orzamentario”. “O pasado 8 de maio, o Goberno de Feijóo”, explica Fajardo, publicou unha resolución en que anunciaba a fin da partida dedicada á promoción de emprego autónomo. Isto significa que moitos dos traballadores e traballadoras autónomos aos que lles foi concedida a axuda non chegarán a cobrala”.

Ante esta situación, AGE esixe da Xunta que habilite orzamentos para realizar estes pagamentos aos demandantes que cumprían os requisitos e que agora, de súpeto, lles son negados. “Este burato inagardado suporá para moitas destas persoas a morte da súa proposta de autoemprego”, alerta o parlamentario, “e en moitos casos unha débeda de por vida”. Fajardo amósase crítico coa situación global do autoemprego ao que, di, empurran as políticas neoliberais aplicadas polo Partido Popular e cuxas consecuencias son outras moi distintas da propaganda oficial: “O mal chamado ‘emprendemento’ implica en moitos casos o empeoramento das economías das familias”.

Á espera de defender as iniciativas en sede parlamentaria, Juan Fajardo denuncia que a Xunta de Feijóo “empuxa ás traballadoras e traballadores ao abismo do autoemprego e logo bótaos polo barranco ao non concretar economicamente os seus propios compromisos. É preciso que o Goberno se faga cargo desta situación e procure unha solución”.

Advertisements
“Promoción do Autoemprego”