Transparencia por favor!!

Alternativa Galega de Esquerda esixe coñecer as condicións que a Unión Europea impuxo a NovaGaliciaBanco para a súa venda

· O deputado Antón Sánchez insta a Xunta a presentar un recurso contra a resolución do Frob coñecida hoxe

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2014.- Antón Sánchez, deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), esixe que, de xeito inmediato, a Unión Europea a través dos seus fieis mandados en Galiza explique as condicións que impuxo a NovaGaliciaBanco para a súa venda. A operación rematou oficialmente hoxe, coa publicación da correspondente resolución do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB). “Esta desastrosa operación para o interese xeral do noso país, que consolida o roubo do aforro de galegos e galegas”, denuncia Sánchez, “remata coa mesma opacidade coa que comezou e sen que a cidadanía coñeza as manobras e os contidos do proceso”.
O documento emitido polo Frob, citado no Boletín Oficial do Estado de hoxe, di:
“Con fecha 17 de junio de 2014 la Comisión Rectora del FROB acordó la modificación del Plan a fin de recoger los apoyos financieros concedidos por el FROB a la entidad, previstos en el contrato de compraventa, así como las modificaciones impuestas por las autoridades europeas en el ejercicio de sus competencias a los compromisos asumidos por NCG en su Plan (Term Sheet), con la finalidad de flexibilizarlos, y adaptarlos a la entidad integrada. En esta misma fecha la Comisión Ejecutiva del Banco de España aprobó asimismo la citada modificación, que fue notificada el 18 de junio de 2014 a las autoridades europeas”.

A esta opacidade hai que engadir, considera o deputado de AGE, “a absoluta tomadura de pelo da comisión parlamentaria sobre as caixas”. Na mesma denegáronse aos grupos parlamentarios da oposición documentos e comparecencias chave para intentar saber que aconteceu na liquidación das entidades. “Falta, por exemplo, o acordo de autorización de fusión aprobado polo Consello da Xunta”, afirma Sánchez, “asinado pola daquela conselleira de Facenda Marta Fernández Currás. Tampouco consta a carta de encargo da Xunta da due dilligence de KPMG”. Alternativa Galega de Esquerda leva meses solicitando infrutuosamente estes materiais, do mesmo xeito que solicitou o caderno de vendas entregado aos bancos que optaban a levar a entidade fusionada pero descolecido para a cidadanía. “A ocultación das condicións impostas pola Unión Europea é apenas o último chanzo dunha longa cadea de embustes e medias verdades que remataron coa liquidación das caixas de aforros”, engade.

A resolución da venda de NGB emitida polo Frob non é firme. Por iso, “en defensa do interese xeral”, Antón Sánchez insta á Xunta de Núñez Feijóo a presentar un recurso contencioso administrativo contra a mesma. “O Partido Popular aínda pode demostrar que está coa cidadanía e non cos oligopolios financeiros”, conclúe o parlamentario, “e para iso nada mellor que recorrer a resolución do Frob e intentar evitar a consumación da fraude, a socialización das perdas e a privatización dos beneficios”.

Advertisements
Transparencia por favor!!