A deputada Chelo Martínez denuncia que un informe de Adif contradí as declaracións de Ana Pastor e esixe o cumprimento dos compromisos en seguridad

AGE denuncia que a ministra de Fomento volve mentir e que o AVE galego será de vía única e con menos medidas de seguridade
· A deputada Chelo Martínez denuncia que un informe de Adif contradí as declaracións de Ana Pastor e esixe o cumprimento dos compromisos en seguridade

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2014.- “Volver falar de recortes nas obras do AVE ten que ser difícil cando aínda no pasou un ano do accidente de Angrois, por iso se recorre a mentira”, dixo Chelo Martínez esta mañá na comisión de Infraestruturas do Parlamento de Galicia en resposta á afirmación da Ministra de Fomento, Ana Pastor, de que o AVE contaría con dobre vía ata Zamora e que estaría operativa no 2015. A deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) presentou un informe de Adif do 2013 no que a entidade pública anunciaba unha nova proposta para a implantación da infraestrutura, segundo a que o AVE a Galiza será de vía única entre Medina de Campo e Ourense (agás en pequenos tramos nas entradas a Zamora e Ourense) o que aumentará os tempos da viaxe: entre Madrid e A Coruña, ate as tres horas e cuarto no horizonte do 2018; e cara a Vigo ate as tres horas e media, lonxe das rebaixas comprometidas na planificación actual.

Chelo Martínez remarcou que a seguridade se verá especialmente afectada pola proposta de Adif, que os mesmos consorcios construtores cualifican como “decimonónica”. Segundo os novos plans do Goberno, os túneles (entre eles os da Canda e o Padornelo) faranse dun so tubo e dobre dirección. Ademais, a implantación do sistema de sinais ERTMS terá que esperar a que se complete o tendido no 2018 mesmo no tramo do eixo atlántico, que tamén ve reducido o orzamento para as melloras das estacións en 13 millóns de euros.

AGE denuncia o escurantismo co que se levan adiante os cambios nos plans do Goberno e que a proposta de Adif é para un tendido provisional, coa intención de ampliar máis alá do 2019 o corredor a dobre vía, e o que esa provisionalidade supón en canto a seguridade. Chelo Martínez insistiu na falla de vontade de responsabilidade da Xunta, á que lle reclamou unha posición sobre se é aceptable a rebaixa nas medidas de seguridade no AVE e a solución temporal que propón Fomento. Por resposta ás preguntas de Alternativa (no documento anexo), a directora xeral de Mobilidade, María Camino Triguero, limitouse a sinalar: “Cremos, porque temos que crer, á ministra”. “Eu non teño por que crer a ministra, os feitos demostran o abandono de Galiza”, opuxo Martínez antes de reclamar a dimisión de Ana Pastor por volver a mentir sobre o AVE galego.

Malia o seu labor de control e denuncia dos embustes dos gobernos do PP, tamén no referido aos trens de alta velocidade, Alternativa Galega de Esquerda considera que o AVE non é o modelo de camiño de ferro e de ferrocarril que precisan as maiorías sociais deste país. O grupo parlamentario considera preciso que rematen as obras xa iniciadas, mais aposta por un tren de proximidade achegado ás características xeográficas e sociais de Galiza e afastado do faraonismo para uns poucos do AVE.

Advertisements
A deputada Chelo Martínez denuncia que un informe de Adif contradí as declaracións de Ana Pastor e esixe o cumprimento dos compromisos en seguridad