Caballero obstaculiza a recuperación da praia de Samil

Caballero obstaculiza a recuperación da praia de Samil
ANOVA impugna o prego de licitación do establecemento hostaleiro Jonathan, situado na praia de Samil en Vigo.

A cuestión de fondo desta impugnación é a recuperación do areal e do sistema dunar de Samil. A existencia do paseo que percorre a totalidade da praia sobre o espazo antes ocupado polas dunas de Samil, impide a rexeneración natural das mesmas. Esa información, que nos anos setenta e oitenta era ignorada polas autoridades municipais, hoxe en día é coñecida por toda a cidadanía. Unha barreira artificial coma o paseo de Samil (situado onde está e construído de xeito aintiecolóxico) supón a condena da propia praia, e nun futuro máis ou menos inmediato, como ten sucedido noutras praias de zona urbana invadidas con este tipo de construcións, obrigaría o goberno municipal a unha reposición artificial da area da praia con custos elevados e co fracaso a curto prazo garantido.
Os abalos e debalos da marea arrastran o areal cara ao mar, e vano lambendo sen posible reposición natural, como é ben sabido, pois pra que as mareas e o vento –e mais a vexetación– fagan o seu traballo, non pode existir ningunha barreira artificial que impida a recuperación do ciclo dunar.

A Dirección Xeral de Sostibilidade de Costas realizou no seu día un proxecto (cun custo aproximado dun 103.000 euros) pra levar a cabo unha reforma da praia de Samil. A execución dese plan está estimada nuns 17 millóns de euros. No ano 2013 o plan estaba en fase de aprobación inicial por parte do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño.
O propio grupo municipal do PSOE instou ao goberno central a que procedese á súa execución o 25 de febreiro de 2013, e esa proposta foi respaldada no pleno municipal de Vigo por unanimidade.
Este proxecto da D.X. de Costas non supón nin moito menos unha recuperación do sistema dunar, senón soamente que o paseo e as piscinas se retranqueasen 25 metros. Malia ser un plan insuficiente prá recuperación da praias, vese de feito obstaculizado pola presenza de tres establecementos: un deles é o Jonathan.

Recentemente, o goberno municipal abriu un prazo pra o prego de licitación do Jonathan que remataba hoxe, día 2 de xullo. O día 9 deste mes abriranse as plicas pra coñecer as ofertas de explotación do establecemento hostaleiro, e en caso de serlle adxudicada a alguén, estaría concedéndose unha licencia de explotación por 30 anos.
Calquera proxecto, sexa a reforma de retranqueo do paseo actual, ou un plan integral de recuperación da praia e do seu sistema dunar que se queira levar a cabo nun futuro, atoparíase co obstáculo do establecemento en cuestión (así como dos outros dous existentes: Camaleón e Di San Remo). Quen tivese daquela a licencia de explotación, estaría en condicións de reclamar unha indemnización millonaria.

O Jonathan incumpre a Lei de Costas de 1988, modificada no ano 2013. A disposición transitoria 4ª vén dicir que as instalacións que ocupen unha zona de dominio público marítimo-terrestre serán demolidas ao extinguirse a concesión. Neste caso, a concesión (que remataba en agosto de 2016) expirou por defunción da persoa titular e sen que fose legalmente posible a súa continuidade a través de herdeiros.
O canon anual que pagaría quen se fixese cargo da explotación do Jonathan é de 20.000 euros, ben pouco beneficio se o comparamos co valor ecolóxico da zona tal como era antes das construcións invasivas. Un dos argumentos por parte do goberno municipal pra retomar a vía de licitación sería que se trata de servizos necesarios nunha das praias de maior afluencia de Galicia. Pero é evidente que tales servizos poden existir nunha liña máis retirada e que respecte a praia trala súa eventual recuperación.

Conclusión: o goberno municipal de Caballero (en contradición con propostas anteriores do PSOE) non quere deixar aberta a posibilidade dunha reforma na praia de Samil e moito menos a liberdade de xestión pra que calquera outro goberno municipal posterior puidese acometer ese proxecto de rexeneración do sistema dunar. Rexeneración que, de levarse a cabo, representaría unha mellora incuestionable da praia de Samil, recobrando a forma natural que calquera habitante da cidade con máis de 45 anos poderá lembrar como un dos espazos costeiros privilexiados da ría de Vigo.
Caballero, que tanto fala de Vigo como cidade europea, debería ter presente que en calquera outro país atlántico de Europa, unha praia como a de Samil non estaría nas condicións actuais, ou sexa, condenada ao seu progresivo deterioro e moi lonxe de calquera xestión minimamente respectuosa e intelixente dende o punto de vista medio-ambiental, que ao cabo tamén permitiría pór en valor un espazo de gran atractivo turístico.

ANOVA VIGO

Advertisements
Caballero obstaculiza a recuperación da praia de Samil