Eu veño dun País do sur, Galiza

Lidia Senra lamenta a reelección de Shchulz como Presidente da Eurocámara e acusa a conservadores e socialdemócratas de poñer os intereses do capital por diante dos dereitos das persoas

A eurodeputada galega asiste estes días á sesión constitutiva do Parlamento Europeo en Estrasburgo, na que tamén se aprobará a composición das comisións parlamentares

Estrasburgo, 1 de xullo de 2014-. O Grupo da Esquerda Unitaria no Parlamento Europeo, na que xa traballa a eurodeputada da coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGEe) Lidia Senra, rexeitou a reelección de Martin Schulz como Presidente da eurocámara ao considerala “un novo pacto dos coautores do drama social que estamos a sufrir en Europa e das súas políticas compartidas de austericidio”.

Lidia Senra espetoulle a Martin Schulz en Estrasburgo que “nos grandes temas, vostedes, os socialdemócratas, sempre están de acordo cos conservadores para poñer os intereses do capital por diante dos dereitos das persoas”.

“Eu veño dun país do Sur, Galiza, no que sufrimos moi duramente as consecuencias das políticas de axuste da Unión Europea, que o seu partido e grupo político defenderon até agora. Tanto é así que o 23 por cento das nosas nenas e nenos están a pasar situacións de fame. E iso é inaceptábel”, afirmou Lidia Senra.

E continuou: “Vostedes son igual de responsábeis que os conservadores dos recortes e a estratexia do austericidio, por moito que durante a campaña fixesen moitas declaracións de intencións falando de xustiza social, de evitar situacións de escravitude ou de dar ao parlamento europeo verdadeira capacidade para decidir. Eu pregúntolle se vai vostede a emprender medidas reais para resolver os problemas das persoas ou, pola contra, vai reincidir nesas baldeiras declaracións de intencións que non serven absolutamente para nada”.

A Nova cámara
Na sesión constitutiva da Eurocámara haberá 7 grupos e 52 deputados e deputadas sen adscrición. En total, o 50,73 por cento dos deputados e deputadas son de nova elección, entre as que se atopa Lidia Senra, que representando a Alternativa Galega de Esquerda (AGE) traballará na delegación da Esquerda Plural no Grupo GUE/NGL (European United Left/Nordic Green Left).

Malia que o GUE/NGL será un grupo paritario, con 26 mulleres e 26 homes, o groso da Eurocámara só contará cun 36,8% de mulleres, sendo Lidia Senra a única eurodeputada galega.

Advertisements
Eu veño dun País do sur, Galiza