Un mes despois da orde do Goberno sobre as renovábeis a Xunta segue sen cuantificar o impacto da medida no sector eólico

Un mes despois da orde do Goberno sobre as renovábeis a Xunta segue sen cuantificar o impacto da medida no sector eólico

A nova conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comparece por vez primeira no Parlamento e ratifica a continuidade das políticas que inciden na desprotección do medio.

Santiago de Compostela, 14 xullo de 2014.-  Un mes despois de que o Goberno central emitira a orde que regula as primas ás enerxías renovábeis, a Xunta segue sen cuantificar o impacto da orde no sector eólico en Galiza e no canon de Sogama. Na súa primeira comparecencia no Parlamento, a nova conselleira Ethel Vázquez non foi quen de ofrecer un so dato, como lle reclamou o deputado de Alternativa Galega de Esquerda Antón Sánchez. “Explique como é posíbel que despois dun mes desa orde vostedes non teñan feito os números e non saiban o impacto que causará”, insistiu Sánchez. A conselleira concedeu que o canon de Sogama non subirá, pero Sánchez recordoulle que a Xunta xa se adiantou á orde cunha suba estratosférica do 34%. Ethel Vázquez non respondeu a ningunha das demandas da oposición e limitouse a expoñer unha relación de liñas estratéxicas que inciden na continuidade respecto á etapa do anterior conselleiro, Agustín Hernández, agora trasladado por Feijóo á alcaldía de Compostela de maneira ilexítima.

 

Non deu resposta a nova conselleira ás preguntas de Alternativa Galega de Esquerda, malia que Antón Sánchez, que foi ben preciso respecto de cuestións perentorias: “Diga se a explotación de Corcoesto é o seu modelo de desenvolvemento para este país? Ten algo que dicir a Xunta ante a privatización de Aena ou vai manter a liña de submisión total ao Goberno central?”.

 

AGE denunciou, ademais, que a continuidade nas políticas de Territorio e Infraestrutura supón a desprotección do medio ambiente e novas agresións ao rural a través de normativas como a lei do solo ou o plan director da Rede Natura. “Sinalamos a desprotección do medio, e do rural e vostede simplemente di que non, e non argumenta máis. Eliminar a protección de solos forestais ou permitir a recualificación de solos rústicos, desprotexe ou non ao rural?”, preguntou Antón Sánchez, que reprochou á conselleira que non se ampliase un só metro a protección da Rede Natura, na que aínda por riba se rebaixan as limitacións aos usos urbanos, acuícolas e mesmo medra o espazo de explotacións mineiras.

 

O deputado de Alternativa retou a conselleira a ofrecer algún dato ou argumento máis alá dun discurso oco. “Non xulgamos discursos nin intencións, xulgamos políticas, feitos. E vostede vén facer aquí discursos, declaracións de intencións, pero na práctica non hai nada”, dixo Sánchez antes de pedir á nova responsábel de Territorio e Infraestrutura que “a vindeira ocasión en que veña aquí, fale de feitos, non de intencións. E traia argumentos”.

 

Advertisements
Un mes despois da orde do Goberno sobre as renovábeis a Xunta segue sen cuantificar o impacto da medida no sector eólico