O Partido Popular négase a condenar o bombardeo de civís palestinos

O Partido Popular négase a condenar o bombardeo de civís palestinos
A dereita oponse ás Nacións Unidas ao rexeitar a declaración institucional proposta por Alternativa Galega de Esquerda 
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2014.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) lamenta que, unha vez máis, o Partido Popular se poña do lado da forza e da violencia dirixida contra civís desarmados e se negue a condenar os bombardeos sobre a poboación da franxa de Gaza, en Palestina. A unha proposta de declaración institucional presentada por AGE na última xunta de portavoces parlamentarios, a semana pasada, a dereita extrema da formación de Núñez Feijóo respondeu co rexeitamento. Así, o PP impide que o Parlamento de Galicia amose o seu apoio ás vítimas do xenocidio contra o pobo palestino que está a levar adiante o Estado israelí e colócase, de novo, de parte dos agresores.

Proposta de declaración institucional rexeitada polo PP
O Parlamento Galego quere lembrar, nestas horas de crimes e inxustiza, o seu compromiso co dereito inalienable do pobo palestino a dispor de xeito libre e en paz o seu desenvolvemento económico, social, cultural e político, segundo recollen as dúas declaracións institucionais acordadas no ámbito de representación da cidadanía galega en 2013-14.
O Parlamento Galego rexeita a vaga de violencia desatada polo Estado de Israel sobre a poboación palestina. Condenamos as mortes de 3 estudantes israelís, mais afirmamos como representantes do pobo galego que non é xusto nen proporcionado desatar unha ofensiva militar indiscriminada sobre a poboación civil palestina para vingalas, logo de perpetrar nos días previos asasinatos, detencións, destrucións de diferentes infraestruturas civís e todo elo nun contexto de continua violación dos dereitos humanos.
O Parlamento Galego, representando o sentir unánime da nosa cidadanía, reclama un inmediato alto o fogo por parte do Estado de Israel. Este parlamento  fai un chamado ás Nacións Unidas para que faga valer a lei internacional e, xa que logo, cese a violencia sobre un pobo cuxo desventurado destino péchase entre a violencia material, simbólica e militar da potencia ocupante e a indeferenza da comunidade internacional.
O Parlamento Galego sabe que non será o exercicio ilegal e ilexítimo da violencia por parte do Estado ocupante o que axude a pór fin  a un conflito que reclama negociacións entre iguais  e o cumprimento da legalidade internacional que emana das diferentes resolucións das Nacións Unidas sobre o dereito do pobo palestino a vivir nun Estado na súa terra.
O Parlamento Galego insta a Xunta de Galicia, outrosí  das Nacións Unidas e do goberno estatal, para que fagan un exercicio de solidariedade e acheguen  os recursos económicos extraordinarios e urxentes para restaurar os bens e infraestruturas destruídas e para abrir un proceso de reconstrución material dos territorios palestinos.

Compostela, 9 de xullo do 2014

Advertisements
O Partido Popular négase a condenar o bombardeo de civís palestinos