Afánanse en privatizar o sistema público de educación

Alternativa Galega de Esquerda denuncia que Educación aínda non comunicou aos centros o número de docentes para o curso que vén.

Os deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron preguntan á Xunta polo número de prazas de profesorado nos centros de ensino públicos

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2014.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denuncia a incerteza en que, grazas á incompetencia da Consellaría de Educación do Partido Popular, se atopan os centros públicos de ensino de cara ao curso que vén. “Anúncianse novos peches de escolas e a supresión de aulas e profesorado, pero non se concretan malia estarmos xa na recta final do mes de xullo”, critican os deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron, que veñen de rexistrar no Parlamento unha pregunta ao respecto.

“Aproveitando que non é período lectivo”, expoñen na pregunta (no documento anexo), “a consellaría diríxese ás equipas directivas dos colexios para lles comunicar a supresión de aulas, centros ou docentes, sen tempo para planificar o curso e sen marxe de manobra para organizar alternativas”. As escolas do rural son, engaden, “as que sofren con maior dureza esta política de recortes, que deixa vilas sen servizos educativos fundamentais”.

Para a Xunta de Alberto Núñez Feijóo, o ensino público debe desaparecer. O departamento que dirixe o manifestamente incompetente Jesús Vázquez –acumula 16 sentenzas xudiciais contrarias as liñas de forza ultrarreaccionarias do seu mandato- afánase en privatizar o sistema público de educación. A degradación material dos centros e das condicións laborais nos mesmos son unha das estratexias materializadas, desta vez e segundo poñen de manifesto os parlamentarios de Alternativa Galega de Esquerda mediante a redución de centros e profesores oculta no mes de agosto. “Publícase unha información de moita relevancia para os colexios”, din, “no único mes do ano en que estes permanecen pechados”.

O grupo parlamentario do que fan parte Vázquez e Ron interésase –para obter resposta por escrito da Xunta do PP- polo número de prazas docentes en infantil e primaria, polas unidades de ensino e mais polos centros de educación que funcionarán no curso 2014-2015.

Advertisements
Afánanse en privatizar o sistema público de educación