Rei da privatización e a incompetencia

Alternativa Galega de Esquerda denuncia que centos de docentes descoñecen o seu destino por mor da inutilidade manifesta da consellaría 
 Os deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron avisan de que a organización do vindeiro curso pode resultar complicada pola parálise de Educación e as resolucións xudiciais na súa contra 

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2014.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) denuncia, unha vez máis, a total incompetencia da Consellaría de Educación de Jesús Vázquez. Ás numerosas sentenzas contrarias ás liñas de forza da súa política ultrarreaccionaria cómpre engadir a manifesta inutilidade do seu departamento. A piques de comezar o mes de agosto, centos de profesores –expoñen os deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron- descoñecen o seu destino laboral. “É inadmisíbel que a estas alturas centos de profesoras e profesores ignoren onde van traballar o curso que vén”, afirman na pregunta parlamentaria que veñen de rexistrar.

A situación deriva dun ditame do xulgado número 2 do Contencioso Administrativo de Compostela do pasado mes de xuño, que invalidou un concurso de traslados de abril e segundo a que, a partir da normativa europea, non se podía imputar como méritos ao persoal interino no concurso de traslados os anos anteriores ao seu acceso ao funcionariado de carreira. A consellaría de Vázquez anunciou que non recorrería a sentenza e que iniciaría un proceso de rebaremación ao mesmo tempo que se resolvía a habitual adxudicación de destinos para o curso 2014-2015. “Pasou un mes e a información ao respecto é nula”, critican Vázquez e Ron, quen se refiren ao “escurantismo” e ao “desgoberno” do departamento dirixido polo ultrarreaccionario Jesús Vázquez.

Arestora, dous recursos –un que esixe o cumprimento da sentenza e outro contrario á mesma- poden continuar a retrasar o concurso de de profesorado provisional, o de orientación e os resultados da rebaremación. Antes rumores que mesmo falan de non facer pública a rebaremación, os parlamentarios de Alternativa esixen luz e explicacións por parte dun conselleiro, rei da privatización e a incompetencia, que hai tempo debería ter dimitido, tal e como o grupo parlamentario vén reclamando.

 

Advertisements
Rei da privatización e a incompetencia