“Repártese a miseria e véndese á moto aos explotados”

Alternativa Galega de Esquerda denuncia que a Xunta controla máis a quen percibe a Risga que a calquera cargo público

      O deputado Juan Fajardo critica o “reparto da miseria” e a “explotación laboral” que institucionalizan concellos do PP ao contratar traballadores sen dereitos mediante a renda de integración

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2014.- Nas cartas que, remitidas pola Xunta, reciben os usuarios da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) figura a obriga de “non exercer a mendicidade nin a prostitución, nin inducir ou compeler á práctica de calquera delas a ningún membro da unidade de convivencia”. “Esta obriga, propia do século pasado, non aparece na lei en vigor”, denuncia o deputado de Alternativa Galega de Esquerda Juan Fajardo, “e é absolutamente lamentábel que a Administración deste país siga usándoa”. A actual Lei de Integración Social data do pasado ano e non inclúe nada semellante.

 

“O nivel de control e seguimento ao que a Xunta somete a calquera persoa que percibe a Risga, a miúdo menos de 400 euros por unidade familiar”, critica con dureza Fajardo, “é moito maior que o de calquera cargo público e político”. Porque, lembra, cando un alto cargo toma posesións non lle recomendan “que non pasee con narcotraficantes, que non teña contas en Suíza ou que non quede con cartos públicos”. Segundo o parlamentario de Alternativa, os únicos requisitos que se lle deberan esixir aos perceptores da Risga son os que xa figuran na norma e que se sintetizan nun itinerario de inserción socio laboral.

 

En troques, o que está a acontecer en varios concellos gobernados polo Partido Popular achégase máis a un retroceso a outras épocas en que non existían dereitos laborais. A Xunta, a través dunha orde, habilitou aos municipios para contratar persoas usuarias da Risga e o resultado, expón Juan Fajardo, son “contratos lixo, que non cotizan, e que institucionalizan a opresión e a explotación”. O traballo en brigadas municipais, recrutado sen que o Goberno de Feijóo estabeleza criterios obxectivábeis, é o prato de cada día. “Repártese a miseria e véndese á moto aos explotados”, afirma. Con ingresos –os da Risga- nunca superiores aos 400 euros por familia, estas persoas realizan funcións laborais con exceso de horas e sen ningún dereito laboral. “Quedan en mans de alcaldes sen escrúpulos, que no PP os hai e moitos”, alerta Fajardo.

 

Alternativa Galega de Esquerda considera “indigno e impresentábel” que a conselleira de Benestar e Traballo se dedique a pasear por Galiza para tirar fotos con alcaldes e non para, en palabras de Juan Fajardo, “solucionar o peor problema que ten, que hai xente que non pode vivir”. “A Xunta non entende nada do que está a pasar”, conclúe. O grupo parlamentario pedirá por escrito información ao Goberno de Feijóo sobre a utilización da Risga nos concellos.

 

image

Advertisements
“Repártese a miseria e véndese á moto aos explotados”