Acción feminista 25N

Anova anima a cidadanía a unirse aos actos feministas que se convocan o 25 de novembro ao longo do país
Cada ano case un cento de homes deciden dar cabo da vida das súas compañeiras ou ex-compañeiras. Cada ano, milleiros de homes deciden que queren e poden exercer violencia contra o corpo das mulleres. Cada ano milleiros de homes séntense co direito a someter, humillar, alcumar, controlar… a dignidade doutros tantos milleiros de mulleres.
Todo parece indicar que a maquinaria machista, lonxe de se enferruxar, funciona perfectamente. E todo apunta a que o aceite dos recortes, das privatizacións, da destrución do emprego e das coberturas sociais, fai que a máquina nin renxa cando deita nos informativos, un día si e outro tamén, un novo asasinato, unha nova agresión machista. Así, o lamento que se fai desde as mesmas institucións desde onde se lexisla contra os dereitos das mulleres, ou se apoia ao poder económico para que atente contra eles, convértese nun choro hipócrita e interesado, fronte aos asesinatos machistas.
As mulleres e os homes de Anova reafirmamos neste 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista, o noso compromiso para despatriarcalizar a nosa sociedade e contribuír á construción doutro modelo. Os procesos constituíntes, que impulsamos xunto a outras forzas políticas e sociais, terán que pór as bases para acabar coa violencia machista e a desigualdade.
Mobilizacións
Anova únese á campaña nas redes sociais da Marcha Mundial das Mulleres, na que participa, co Hashtag #ForaMachismo25N.
Convocatorias da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza este martes 25 de novembro de 2014:
  • Vigo: martes 25 ás 20h manifestación, saída dende a Farola de Urzaiz
  • Ourense: martes 25 ás 20.30h na Praza do Ferro
  • Ferrolterra: martes 25 ás 20h na Praza da Escola de Fene
  • Compostela: martes 25 / ás 20h na Praza 8 de Marzo, manifestación conxunta do movemento feminista
  • Pontevedra: martes 25 ás 20h na Praza da Peregrina

 

Advertisements
Acción feminista 25N