Orzamentos da Xunta. Sesión no Parlamento

Beiras acusa á Xunta de atacar os dereitos humanos da cidadanía a través dos orzamentos

  • O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda denuncia que a conselleira de Facenda vai ao Parlamento “facer apoloxía do desastre que está a padecer o pobo”

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2014.- O camiño cara ao inferno social ao que conducen as políticas neoliberais avanzará un paso máis de saíren adiante as contas que a Xunta de Alberto Núñez Feijóo preparou para o ano 2015. Esa consideración sintetiza a intervención de Xosé Manuel Beiras no pleno do Parlamento de Galicia dedicado aos orzamentos e no que defendeu á emenda de devolución formulada polo seu grupo: “Vostedes atacan os dereitos humanos dos cidadáns e as cidadás galegos con estes orzamentos”. O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) debuxou as raíces históricas e o contexto en que o Partido Popular deseña unha estratexia económica dirixida a unha redistribución da riqueza en sentido de abaixo cara arriba e que esgana o xa precario Estado do benestar –“de medioestar”, en palabras de Beiras- existente en Galiza.

De “auténtico insulto á intelixencia e á integridade moral xa non á oposición senón á cidadanía galega” cualificou o líder de AGE a exposición dunha conselleira de Facenda –Elena Múñoz- que se empeñou nun canto á presunta superación da crise inzado de medias verdades e mentiras enteiras. “Non se pode vir aquí, á Cámara de representantes da cidadanía, facer unha apoloxía do desastre, da catástrofe que está a padecer o pobo galego”, afeou Beiras á representante do Goberno da dereita extrema de Feijóo, “cunha soberbia absolutamente indefendíbel”. A responsábel das contas da Xunta mesmo se congratulou do “bo” comportamento do emprego na Galiza destes anos de virulenta crise do capitalismo neoliberal nun país en que as porcentaxes de desempregadas e desempregados resultan inauditas e afectan a 244.000 persoas.

“A Constitución española é letra morta”, afirmou o portavoz de Alternativa para se referir ao proceso deconstituínte que a dereita encarnada polo PP está a levar adiante no país e no Estado. Contra esa circunstancia, en que os dereitos cidadáns recollidos polo documento de 1978 fican como papel mollado –vivenda, traballo, vestido…- e que son produto do que Beiras denominou “contrarreforma liberal ensaiada no pinochetazo que destrúe a concepción democrática do Estado de benestar e entroniza o capital financeiro”, chamou a partir de cinco puntos reverter a situación: a desmundialización dos circuítos financeiros, a eutanasia do rendista, a institución de dereitos laborais democráticos, o recoñecemento de dereitos sociais atendidos por servizos públicos gratuítos e unha ampla intervención pública na economía.

Para o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda, as políticas orzamentarias de Feijóo están “ao servizo da contrarrevolución ultraliberal do capitalismo desastre. É o xeito en que o PP asfalta “ese camiño cara ao inferno”, en palabras do economista estadounidense James K. Galbraith, que leva as maiorías sociais galegas ao sufrimento e o desamparo vital.

“A débeda é en boa medida impagábel”

Mais é que nin apenas as liñas centrais do argumentario do Partido Popular en defensa das súas inhumanas políticas económicas responde á realidade. “Dispárase ao paroxismo o endebedamento público para pagar a débeda. Así, a débeda convértese en inútil para os e as cidadáns”, expuxo Xosé Manuel Beiras, quen tamén explicou na Cámara que esa débeda “é en boa medida impagábel. E así o recoñecen mesmo os plutócratas”. Reclamou unha auditoría da mesma e denunciou que un 91% da débeda emitida este ano é “para amortizar débeda”.

A conselleira de Facenda non deu saído do pobre guión que traía redactado ante un Beiras que esbozou “os resultados das políticas etnocidas do PP”, por caso a emigración –“está en cifras dos anos sesenta pero sen esa vitalidade demográfica”- ou o goberno de Feijóo contra o Estatuto –“non empregan as competencias que teñen”-. Definiu a corrupción como “un sistema de poder” e concluíu cunha invocación a Robespierre e á que “a xustiza está por riba das leis e os cidadáns teñen o dereito de combater leis inxustas”.

Advertisements
Orzamentos da Xunta. Sesión no Parlamento