O barco ao mar, os cartos para uso social

Anova Vigo apoia a mobilización dos veciños e veciñas de Coia que reclaman que o barco Alfageme, patrimonio dos vigueses e das viguesas, non se coloque na rotonda da rúa Castelao senón que sexa musealizado.

Fálase dun custe desta obra de 300.000 nun momento de emerxencia social no que moitas familias da cidade están a padecer cortes de luz e gas e permanecen á espera de axudas municipais que non chegan. 300.000 euros equivale a 1 ano de RISGA para 65 familias.

Militantes de Anova Vigo, canda outras persoas organizadas e non organizadas da cidade, participaron esta mañá na paralización das máquinas que pretendían comezar cos traballos desta aberración que quere levar a cabo o goberno Caballero; un goberno preocupado só pola “política-cosmética”, especialmente agora que se achegan as eleccións municipais.

O poeta popular Manolo Pipas, repartía esta mañá na rotonda de Coia unhas coplas da súa autoría que explicaban de xeito eficaz e facilmente entendible por todo o mundo por que estar en contra desta operación é de sentido común.

Á vista de todo o mundo
quérennos poñer un barco
nesta rotonda de Coia
lonxe do seu mar amado

un barco con moita historia
ao concello foi doado
e por dentro foi pudrindo
nos peiraos abandonado

en Barreras construído
e xa van setenta anos
non fica outro coma el
e arranxalo foi moi caro

este barco de Alfageme
noutro lugar ben salgado
debía ser un museo
agora van apartalo

sen consultar aos veciños
querénnos poñer un barco
á beira da nosa ría
nós queremos visitalo

costará unha millonada
na rotonda pór o barco
nós pensamos que é mellor
usos sociais pra eses cartos

Máis fotografías: http://www.lavozdegalicia.es/album/vigo/2014/12/04/protesta-rotonda-coia/01101417685161465902340.htm#.VIBHcl9agXU.facebook

Advertisements
O barco ao mar, os cartos para uso social