O CONFLICTO DE COIA. Crónica dun desatino urbanístico

coia4 coia1 coia2 coia3

Nos primeiros días de decembro, sen adxudicación de obra e contra a decisión do pleno municipal, o alcalde Abel Caballero ordena o inicio das obras na rotonda de Coia pra instalar o barco Bernardo Algageme.

A empresa encargada de realizar esas obras é Civis Global, herdeira de Movexvial, contratista habitual do Concello e desaparecida a raíz do escándalo das facturas falsas das 5 Jotas.

Sobre este asunto foi chamado a declarar o xerente dalgunhas das empresas do grupo Eiriña, adxudicataria de obras como a “humanización” da Rúa Nicaragua, que casualmente subcontratou o traballo a empresa da que o concelleiro de Parques y xardíns, Ángel Rivas (PSOE), era Xerente, Hormigones Valle Miñor.

.

O día 4 pola mañá un conxunto de veciños e veciñas deciden acudir ao lugar pra deteren as obras, obxectivo que conseguen a pesar de presentarse varios axentes da policía local.

Por efecto desa acción veciñal faise público o despropósito que supón gastar 300.000 euros na instalación do barco, cando as necesidades básicas de moitas familias non están sendo atendidas polo Concello, que decidiu recortar en 2014 as axudas sociais.

Varios colectivos veciñais do barrio de Coia convocan e poñen en marcha a Asemblea aberta de Coia, que nas semanas posteriores e ata o día de hoxe será quen leve as rédeas deste conflito.

O alcalde Abel Caballero fai declaracións reafirmándose na súa decisión de instalar o barco e comeza unha serie de críticas e ataques contra a veciñanza, acusando as persoas que participan nos actos de protesta de pertenceren a grupos políticos marxinais.

A Asemblea aberta de Coia mantén de forma continua a vixilancia sobre a rotonda, mediante quendas por grupos que permanecen no lugar día e noite pra evitar que as obras se reanuden.

En resposta ás acusacións de Abel Caballero a Asemblea de Coia convoca unha manifestación nas Travesas pra o día 12 de decembro baixo o lema: «Non pode ser, o barco na ratonda e as familias sen comer», á que asisten preto de un millar de persoas que percorren a avenida Castelao deica a rotonda.

O día 15 os veciños ocupan a rotonda de xeito pacífico unha vez máis e son desaloxados pola policía local. A consecuencia desa acción será detido o veciño S., que non estivera presente nesa concentración.

O día 23 celébrase na rotonda, cuxas obras seguen paralizadas, un concerto no que participarán diversos grupos de Vigo e ao que acoden multitude de persoas. O alcalde solicitara a intervención da policía nacional, ao que a subdelegación do Goberno respondeu dicindo que non intervirán «salvo que se produzan desordes», cousa que non sucede.

Na madrugada do 23 pra o 24, Abel Caballero ordena pechar a rotonda cun valado metálico e unha malla opaca, pra dificultar o acceso.

O día sete de xaneiro a Asemblea intenta ocupar de novo a rotonda, intervén a policía local e prodúcese a detención de Xurxo, acusado de resistencia e agresión á autoridade, feito que os vídeos en poder da Asemblea demostran que é falso. Por esa causa Xurxo foi imputado, e tras un intento de xuízo rápido o día 8, cunha petición fiscal de tres anos de cadea, o caso quedou aprazado pra o día 4 de febreiro, de xeito que a avogada Esther Lora poida presentar as probas da defensa.

O día 9 de xaneiro, ao presentarse na comisaría como testemuña dos feitos do día 15 de decembro, Diego é detido e inculpado pola policía local por resistencia á autoridade.

O 10 de xaneiro tivo lugar unha rolda de prensa da Asemblea de Coia na parroquia do Cristo da Vitoria, á que acudiron multitude de persoas, e na que o lema foi: «Xustiza social. Non represión policial.»

A día de hoxe, 11 de xaneiro, faise público nos medios que o concelleiro de Seguridade Carlos López Font (PSOE) trasladou á subdelegación do Goberno a identidade dunhas corenta persoas por participar nos actos pacíficos de protesta, o que se concretou en 25 denuncias presentadas ante a Fiscalía contra os veciños e veciñas, habitantes de Coia e doutros barrios de Vigo.

En declaracións recentes, o alcalde Abel Caballero afirma que estes actos contra a instalación do barco non sou cousa dos veciños de Coia senón de militantes de «AGE, Anova, o Partido Comunista, algúns de Podemos, a CIG, o BNG, e por detrás o PP apoiándoos». Ou sexa, acusa á maioría das forzas políticas existentes na cidade.

 

Por todos estes motivos, Anova Vigo manifesta o seu total apoio a esta reivindicación veciñal e quere facer públicas varias consideracións:

Abel Caballero non actúa como un demócrata ao desoír e condenar as protestas, senón de xeito empecinado e autoritario. Non ten capacidade nin vontade de diálogo.

Como xa fixera no caso da Cruz do Castro, Abel Caballero ignora a opinión pública e responde con ataques e accións represivas propias dun alcalde franquista.

O alcalde utiliza a policía local neste caso como garda pretoriana, e forza aos seus axentes a actuar máis alá das funcións que lle son propias.

Enfróntase á cidadanía de xeito obcecado e intenta criminalizar as súas lexítimas reivindicacións mediante acusacións falsas e denuncias de agresións sen fundamento.

Abel Caballero reacciona deste xeito porque se ve frustrado na realización da súa campaña pre-electoral, por medio de investimentos ridículos e innecesarios coma o das escaleiras mecánicas da Porta do Sol. E ao facelo compórtase non coma un rexedor municipal de talante demócrata senón coma un «pequeno ditador» desconectado da realidade e que se empeña en crear problemas inexistentes.

Anova ten o convencemento de que o pobo de Vigo está tomando boa nota do conflito social que provocan as accións extremistas de Abel Caballero e responderá de xeito contundente nas eleccións municipais do 24 de maio.

Vigo, 11 de xaneiro de 2015

Anova-Vigo Mos.

 

Advertisements
O CONFLICTO DE COIA. Crónica dun desatino urbanístico