Carta aberta ao reitor da Universidade de Vigo Salustiano Mato

ANOVA-Vigo quere apoiar o comunicado do grupo de Acción Feminista ANOVA facendo públicas as ameazas, manifestacións de abuso de poder, coaccións e actitudes misóxinas que veñen sufrindo os traballadores e as traballadoras da comunidade universitaria, en especial mulleres, por parte de Sergio Pajares Domínguez, Xefe de Sección do Servizo de Contratación Económica da Universidade de Vigo.

Tralas diversas denuncias que se teñen realizado por parte de diferentes colectivos de persoas afectadas por esas actuacións, quer diante do Reitor, quer diante doutros organismos universitarios (Unidade de Igualdade, Comisión de Intervención e Resolución de Conflitos, Tribunal de Garantías) e diante da indiferencia e da inacción dos diferentes órganos universitarios, Acción Feminista ANOVA decidiu dirixirse á opinión pública para comunicar o seguinte:

1º Que non entende a inhibición da Universidade de Vigo (Reitor, Xerencia e Directora da Unidade de Igualdade) ante as continuadas denuncias de feitos tan graves dentro da comunidade universitaria.

2º  Que un xefe de sección de contratación económica con conductas misóxinas, ameazadoras e coactivas non garante os dereitos e as condicións laborais dos traballadores/as da comunidade universitaria.

3º Que nun momento tan delicado, onde as universidades públicas están sendo ameazadas por procesos de privatización moi agresivos, estas conductas dividen á comunidade universitaria, debilítana e fana máis vulnerábel a estes ataques neoliberais.

Acción Feminista ANOVA solicitou do Reitor da Universidade de Vigo:

1º O cese inmediato dese responsábel e a consecuente apertura de expediente disciplinario.

2º Que se lle retire cautelarmente a súa participación no foro da universidade, mecanismo que este xefe de sección de contratación utiliza especialmente para as súas ameazas, coacións, abuso de poder e conductas misóxinas.

Para ANOVA-Vigo a conquista definitiva da igualdade entre os seres humanos pasa polo rexeitamento público deste tipo de comportamentos, en cuxa condea ademáis debe coincidir toda a nosa afiliación.

Galiza, 2 de febreiro de 2015

Asinado.

Anova – Vigo

Advertisements
Carta aberta ao reitor da Universidade de Vigo Salustiano Mato