Beiras denuncia a criminalización do movemento veciñal de Vigo e solidarízase co activista Xurxo a quen piden dous anos e medio de cadea

O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda e o grupo parlamentario apoian a loita do barrio de Coia en defensa dos dereitos sociais e unha política ao servizo da cidadanía

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2015.- A criminalización dos movementos sociais e veciñais contrarios á barbarie neoliberal é unha das estratexias preferidas do poder. Así o considera Xosé Manuel Beiras, portavoz de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), que denuncia o sostido ataque das autoridades á xente que protesta ao tempo que amosa a súa solidariedade e a do seu grupo parlamentario co activista Xurxo R.M., a quen solicitan dous anos e medio de cadea e unha multa de 1.200 euros.

 

O xuízo contra este integrante do movemento veciñal de Coia en defensa dos dereitos sociais será mañá, mércores, ás 10.30 da mañá. Detido no desaloxo da protesta da rotonda de Coia o pasado 7 de xaneiro, en que os máis de 40 policías enviados polo alcalde Abel Caballero foron os únicos que empregaron a violencia, a Xurxo pídenlle dous anos e medio de prisión por unhas supostas lesións a un axente que os alí presentes negan. A maiores, outros dous activistas están imputados a partir de relatos parciais da policía.

 

“O réxime está esgotado”, contextualiza Beiras, “e utiliza a represión para intentar que a cidadanía renuncie a defender os seus dereitos e as conquistas de décadas e décadas de loita”. Segundo o portavoz de AGE, quen reivindica como propias as esixencias do movemento veciñal vigués de dereitos sociais e políticas centradas nas persoas, “é a propia cidadanía organizada, como as veciñas e veciños de Coia, a que fai posíbel a mudanza de réxime cara a outro en que a democracia e a liberdade teñan contido real”.

 

Advertisements
Beiras denuncia a criminalización do movemento veciñal de Vigo e solidarízase co activista Xurxo a quen piden dous anos e medio de cadea