Inicio do proceso de primarias internas de Anova-Vigo

A Asemblea Local de ANOVA-Vigo Mos aprobou onte, día 9 de febreiro, o inicio dun proceso de primarias internas que culminará o próximo sábado, día 14, cunha votación en urna e por vía telemática.

ANOVA, na súa Conferencia Nacional celebrada en Vigo o 24 de xaneiro, ratificou a súa firme aposta polas plataformas cidadás de confluencia, alí onde existan.

Na nosa cidade, o proceso da Marea de Vigo leva un percorrido de meses, cun firme traballo en forma de convocatorias sempre en aberto para toda a cidadanía e con tres asembleas xerais onde de forma pública, democrática e transparente se tomaron decisións como a organización dos grupos de traballo, a aprobación do protocolo de primarias abertas ou a escolla dunha estratexia respecto á fórmula legal.

Non consideramos ningún outro proceso de confluencia como posible alternativa na nosa cidade. O traballo realizado xenerosamente por ducias de persoas, tanto militantes de organizacións políticas, activistas sociais e cidadanía non organizada anteriormente, ten para nós un valor incalculable.

O obxectivo destas eleccións internas en Anova é a escolla de candidatas/os da nosa organización pra participarmos con lealdade e compromiso construtivo no proceso de primarias abertas da Marea de Vigo, que comeza o día 20 de febreiro e que culminará na primeira semana de marzo coa proclamación dunha candidatura xeral que concorrerá aos comicios municipais de maio.

As candidatas e candidatos de Anova presentaranse aos medios o próximo luns, día 16, en rolda de prensa na que daremos cumprida información.

Coordinadora Local Anova-Vigo Mos.

Advertisements
Inicio do proceso de primarias internas de Anova-Vigo