Anova e as eleccións municipais de 2015 en Vigo

10353090_416403378484666_8831325277162667138_n
Martiño Noriega: “En Anova apostamos pola Marea de Vigo como espazo para a unidade popular”
 
O portavoz de Anova-Irmandade Nacionalista xunto a Xosé Manuel Beiras mantivo unha xuntanza con membros da Coordinadora Local da súa formación en Vigo para interesarse polo proceso das municipais na cidade
 
Vigo 20 de febreiro de 2015-. A este respecto, o voceiro valorou moi positivamente os procesos de unidade popular que se están a desenvolver no país. Martiño definiunos como imprescindíbeis para rematar coa podremia do réxime e puxo como exemplo a Marea de Vigo, amais doutros: “En Vigo Anova aposta pola unidade popular creada ao redor da Marea de Vigo, ao igual que apoiamos outras iniciativas populares como Ourense en Común, Compostela Aberta ou BoiroNovo, entre outras moitas”. Así mesmo, apelou á xenerosidade da esquerda e do nacionalismo para acadar amplos acordos e chama ao protagonismo da cidadanía activa: “Ou deixamos de delegalo todo e exercemos como cidadáns ou entregámonos como vasalos dos corruptos”.
 
Preguntado sobre o elevado número de candidaturas que se poden dar nalgúns lugares coma Vigo, Noriega confía en que con paciencia e xenerosidade ao final se chegue a unha confluencia máis que necesaria: “É hora de escoller se optimizamos forzas contrarias ao bipartidismo, se primamos a confluencia sobre a competencia, ou se lle facemos o favor a este dispersando candidaturas. Precisamos unha concentración parcelaria das enerxías”, apuntou. 
 
Martiño insistiu na responsabilidade histórica das agrupacións políticas, que deben deixar fóra os intereses partidarios e os réditos electorais, mais tamén na corresponsabilidade necesaria dos movementos sociais e os cidadáns e cidadás que están a exercer como tales: “Ninguén sobra. O que nos xogamos é gañar espazos públicos para a cidadanía co obxectivo de cambialo todo e darlle dunha vez unha patada ao bipartidismo no cu de Feijóo”, rematou Noriega.
Advertisements
Anova e as eleccións municipais de 2015 en Vigo