Por un transporte colectivo, público, ecolóxico e seguro [Opinión]

As infraestruturas que nos rodean e que financiamos cos cartos de impostos, cotizacións e demáis tributos, foron planificadas atendendo ás necesidades das clases mais favorecidas e dos intereses da oligarquía capitalista que nos goberna dende Madrid e Bruxelas. Estas infraestruturas están pensadas sobretodo para artellar unha rede de servizos turísticos para o consumo de burguesías foráneas, onde a burguesía autóctone sexa unha mera xestora e as clases traballadoras do País fagamos o papel de man de obra barata, precaria e sen dereitos.

Daí que as inversións en infraestruturas sexan as que son: AVE, portos deportivos, aeródromos, campos de golf… intraestruturas para o beneficio dunha pouca xente privilexiada, namentres a clase obreira temos que sufrir unhas dotacións deficitarias, obsoletas e perigosas. Sirva como exemplo paradigmático a mortal autovía Vigo-Mos-Porriño.

É por iso que dende a esquerda independentista levamos moitos anos a reivindicar unha rede de transporte público para toda a área metropolitana de Vigo e unhas infraestruturas ao servizo da clase traballadora, isto é, do 99% da poboación. Nomeadamente, a cidade olívica e toda a área metropolitana precisan dunha estación central que ligue a alta velocidade cun ferrocarril de proximidade e cercanías que conecte toda a área con comunicacións por tren entre todas as áreas residencias e centros de traballo. Esa estación debería ser tamén sede do trasporte por autobús metropolitano e urbano de Vigo e arredores.

Aliás, exceptuando o FEVE de Ferrol, Galiza é a única nación peninsular que non conta cunha rede de trens de cercanías para a súas principais áreas metropolitanas e industriais. Unha rede que, no caso de Vigo, Baixo Miño, O Condado, A Paradanta e Morrazo, sexa un medio para unir estas comarcas e levar ás traballadoras e aos traballadores dende as súas residencias aos seus centros de traballo durante as 24 horas do día. De feito, cómpre ter en conta o elevadísimo número de xente de Vigo que traballa nos concellos dos arredores, e viceversa.

Temos que ser conscientes da perigosidade para as vidas e a integridade física da clase traballadora que supoñen as estradas e autoestradas que vertebran a nosa área e, tamén, que a ordenación do territorio, o estudo das infraestruturas de comunicación e de transporte e os servizos públicos deberían ser planificados para demarcacións territoriais máis amplas que o concello.

Cómpre exixir logo, unha estación de tren intermodal que enlace o cada vez máis necesario e urxente tren de cercanías ecolóxico e sustentábel cos trens de longo percorrido substituíndo as súas máquinas por outras de menor custo e aproveitando, coa súa modernización e restauración, os viais da antiga rede de tranvía de Vigo e comarca. Non podemos permitir que máis traballadoras e traballadores perdan a vida a ir ou voltar dos seus centros de traballo.

Moncho Lareu (Militante de Anova Vigo-Mos)

Febreiro de 2015

Publicado no xornal A nova Peneira nº50

Advertisements
Por un transporte colectivo, público, ecolóxico e seguro [Opinión]