As antimareas [Opinión]

Dende as primeiras manifestacións artístico-literarias clásicas até as máis recentes, como a banda deseñada ou o cinema, a figura da personaxe protagonista ou a do heroe ten decote coma contraposición dialéctica e antitética a figura do antagonista ou a do antiheroe. Sendo as manifestacións artísticas reflexo das sociedades e de todos os motores que as moven ao longo da historia, non é estraño tamén que os fenómenos de antagonismo se produzan con total naturalidade nun eido tan decisivo como o da política.

Desde hai uns meses as inquedanzas e aspiracións de cambio e ruptura democrática de boa parte do pobo traballador desorganizado e da esquerda política e social, producíu a proliferación das denominadas mareas ou candidaturas de unidade popular no eido local (que non localista) de toda a xeografía galega, sexa urbana, vilega ou rural.

Os tres partidos que levan sete lustros a se repartiren o poder en Galiza, luxados por casos de corrupción e enchufismo, sinalados por un pobo sen liberdade nin dereitos e acosados pola queda electoral a consecuencia do esgotamento de modelo, ollan con preocupación cara unhas mareas nas que a xente do común, os partidos pequenos e os movementos sociais conflúen e unen forzas para o mudar absolutamente todo.

É entón cando, temeroso ante a posibilidade de perder os seus privilexios, o sistema pon en marcha toda a súa maquinaria para frear ás mareas, dende os ataques, difamacións e intoxicacións directas orquestradas desde os seus partidos e medios de comunicación afíns até operacións de descrédito directas, pasando, como non, pola estratexia da confusión que produce apoiar e promocionar dende os sumidoiros esas outras mareas que nacen supostamente dun xeito espontáneo nos mesmos lugares onde xa se foron constituíndo as mareas orixinais.

Esta estratexia produce:

  • A lóxica confusión entre o electorado na que sempre navegan moito mellor os partidos xa consolidados e coñecidos.
  • A sensación de caos e de “máis do mesmo” que tamén beneficia os partidos do rexime e sistémicos.
  • A división do voto rupturista e, polo tanto, o afastamento de boa parte do electorado abstencionista que se ilusiona ante movementos de confluencia, como aconteceu con AGE en 2012.
En definitiva. A imitación, a parodia, a falsificación e a ridiculización das mareas por medio do que non son outra cousa que antimareas.

Porén, o pobo é mais intelixente do que pensan os cerebros do sistema e os seus partidos títere. As camadas agredidas que, con tan só un mes de existencia, elevaron con forza a suma feita desde arriba pola esquerda independentista, a esquerda federalista e a ecosocialista no outono de 2012, están xa a recibir con esperanza e ilusión esa suma aínda maior, feita desde abaixo e coa participación aberta e democrática do pobo traballador, que significan as mareas. O resto, partidos do rexime e antimareas, son iso: partidos do rexime e antimareas. Vai sendo hora de lle chamar ás cousas polo seu nome.

Moncho Lareu Riveiro.
Abril de 2015
Publicado no nº 52 do xornal A Peneira.
Advertisements
As antimareas [Opinión]

Inicio do proceso de primarias internas de Anova-Vigo

A Asemblea Local de ANOVA-Vigo Mos aprobou onte, día 9 de febreiro, o inicio dun proceso de primarias internas que culminará o próximo sábado, día 14, cunha votación en urna e por vía telemática.

ANOVA, na súa Conferencia Nacional celebrada en Vigo o 24 de xaneiro, ratificou a súa firme aposta polas plataformas cidadás de confluencia, alí onde existan.

Na nosa cidade, o proceso da Marea de Vigo leva un percorrido de meses, cun firme traballo en forma de convocatorias sempre en aberto para toda a cidadanía e con tres asembleas xerais onde de forma pública, democrática e transparente se tomaron decisións como a organización dos grupos de traballo, a aprobación do protocolo de primarias abertas ou a escolla dunha estratexia respecto á fórmula legal.

Non consideramos ningún outro proceso de confluencia como posible alternativa na nosa cidade. O traballo realizado xenerosamente por ducias de persoas, tanto militantes de organizacións políticas, activistas sociais e cidadanía non organizada anteriormente, ten para nós un valor incalculable.

O obxectivo destas eleccións internas en Anova é a escolla de candidatas/os da nosa organización pra participarmos con lealdade e compromiso construtivo no proceso de primarias abertas da Marea de Vigo, que comeza o día 20 de febreiro e que culminará na primeira semana de marzo coa proclamación dunha candidatura xeral que concorrerá aos comicios municipais de maio.

As candidatas e candidatos de Anova presentaranse aos medios o próximo luns, día 16, en rolda de prensa na que daremos cumprida información.

Coordinadora Local Anova-Vigo Mos.

Inicio do proceso de primarias internas de Anova-Vigo