Anova concorrerá ás municipais de 2015 dentro da Marea de Vigo

logoweb
A Asemblea Local de Anova-Vigo Mos quere anunciar que concorrererá ás eleccións municipais do vindeiro 24 de maio na plataforma cidadá Marea de Vigo, renunciando así a presentarse en solitario en coherencia coa inequívoca aposta de Anova Irmadade Nacionalista, dende a súa fundación como organización política, polos procesos de Unidade Popular e de aglutinación de forzas.

E esta decisión ten claros fundamentos: a Marea de Vigo conta con máis de 2.000 apoios ao seu manifesto, entre os cales figuran, con nomes e apelidos, centos de persoas representativas do mundo sindical, do feminismo, da cultura e dos movementos sociais máis activos nesta cidade.

A Marea de Vigo, dende a súa presentación pública en setembro do ano pasado, mantivo unha actividade continua e aberta á participación de toda a cidadanía.

Catro asembleas, a última o día 19 deste mes, foron trazando as liñas de actuación: aprobouse unha estratexia legal pra concorrer ás eleccións, aprobouse un código ético, un protocolo de primarias e tamén un documento de programa participativo que segue aberto a novas achegas.

As primarias da Marea, as únicas por agora que teñen lugar en Vigo, xa están en marcha.

O prazo de postulación de candidaturas abriuse o día 20 e pecharase o 4 de marzo. Entre o 5 e o 13 os candidatos e candidatas faran campaña, e o día 14 de marzo serán as votacións.

O único requisito pra participar nestas eleccións primarias é concordar e ter asinado o manifesto da Marea antes do 4 de marzo, día que se pechara o censo de votantes co obxectivo de que o Comité de Primarias dispoña de tempo suficiente pra poñelo en orde. Manifesto que pode ser asinado en liña aquí: http://www.mareadevigo.org/?page_id=49

Dese proceso sairá, ben seguro, unha candidatura rupturista, plural e de confluencia, capaz de vencer os partidos do réxime e poñer o Concello de Vigo no camiño da democracia plena, cuns orzamentos sociais e total trasparencia fronte á corrupción sistémica.

Anova-Vigo Mos entende que a Marea é a Plataforma que está a desenvolver un traballo máis sólido e participativo e considera que só a través da confluencia a través dela se está en disposición de facer fronte ao bipartidismo do réxime

Abel Caballero, o candidato da dereita en Vigo, ten serios motivos pra estar preocupado: o seu autoritarismo represivo, os casos crecentes de corrupción e a incapacidade pra dialogar coa cidadanía pasaranlle factura en maio.

Asemblea de Anova Vigo-Mos

 

Anova concorrerá ás municipais de 2015 dentro da Marea de Vigo