NÓS TAMÉN SOMOS GRECIA

11698870_932111750165724_7970531554423811057_n

Nas eleccións de xaneiro de 2015 o pobo grego votou un programa contra a austeridade e pola reestruturación da débeda. O goberno de Siryza negociou coa Comisión Europea unha solución que permitise derrotar a austeridade e recuperar o crecemento económico e os dereitos das traballadoras á negociación colectiva, das pensionistas a unha vida digna e do pobo grego no seu conxunto á dignidade e a democracia fronte aos poderes financeiros e a Troika.

Mais, a maioría neoliberal existente na Unión Europea fixo imposíbel un acordo aceptábel. Diante desta chantaxe o goberno grego decidiu que sexa o pobo o que decida se acepta ou rexeita a última oferta recibida. O goberno de Siryza chama a votar NON.

O combate pola democracia do pobo grego é o máis importante, en Europa, nas últimas décadas. O que está en xogo é se nas sociedades europeas mandan os pobos ou o capital financeiro e as organizacións da gran patronal.

No histórico discurso en que comunicou ao pobo grego a convocatoria do referendo Alexis Tsipras dixo:

Pediron ao goberno grego que aceptase unha proposta que inclúe unha nova carga insostible para o pobo grego e que socava a recuperación da economía e da sociedade grega, unha proposta que non só perpetúa o estado de incerteza, senón que acentúa aínda máis as desigualdades sociais.
A proposta das institucións inclúe medidas que conducen á desregulación do mercado de traballo, recortes nas pensións, máis reducións nos salarios do sector público e un incremento do IVE dos alimentos, restaurantes e turismo; ao tempo que elimina as exencións fiscais para as illas gregas.

E rematou:

Grecia é o berce da democracia e vai enviar unha resposta contundente e democrática a Europa e ao mundo.
Persoalmente, comprometinme a respectar o resultado da escolla democrática, sexa cal sexa.
E estou absolutamente seguro de que a vosa escolla honrará a historia do noso país e enviará unha mensaxe de dignidade ao mundo.
Nestes momentos críticos, temos que lembrar todos que Europa é o fogar común dos pobos. Que en Europa non hai propietarios e hóspedes.
Grecia é, e seguirá a ser, unha parte integrante de Europa e Europa unha parte integrante de Grecia. Pero sen democracia, Europa será unha Europa sen identidade e sen rumbo.
Convídovos a todos a mostrar a unidade nacional e a tranquilidade, co fin de tomar as decisión correctas.
Para nós, para as xeracións futuras, para a historia dos gregos.
Pola dignidade e a soberanía do noso pobo.

Por iso nós, cidadás e cidadáns galegos estamos hoxe aquí, en pé, co pobo grego, defendendo a dignidade e a soberanía dos pobos, o seu dereito a decidir como queren organizar a vida común, o seu dereito a decidir, tamén, entre distintas políticas económicas.
Por iso denunciamos a actitude do goberno do Partido Popular que se alineou coas posicións máis duras da Comisión Europea para intentar dar un aviso aos desexos maioritarios dunha mudanza política e económica que beneficie a maioría social. Denunciamos tamén a complicidade do PSOE coas políticas antisociais da Troika.
E por iso ao defendermos os dereitos do pobo grego defendemos o noso dereito á liberdade, á soberanía e á democracia fronte ao ditado dos grandes capitais.
Viva a loita do pobo grego contra as imposicións da Troika!
Viva a loita do pobo grego pola democracia e a soberanía!
Nós tamén somos Grecia.

NÓS TAMÉN SOMOS GRECIA

Por un transporte colectivo, público, ecolóxico e seguro [Opinión]

As infraestruturas que nos rodean e que financiamos cos cartos de impostos, cotizacións e demáis tributos, foron planificadas atendendo ás necesidades das clases mais favorecidas e dos intereses da oligarquía capitalista que nos goberna dende Madrid e Bruxelas. Estas infraestruturas están pensadas sobretodo para artellar unha rede de servizos turísticos para o consumo de burguesías foráneas, onde a burguesía autóctone sexa unha mera xestora e as clases traballadoras do País fagamos o papel de man de obra barata, precaria e sen dereitos.

Daí que as inversións en infraestruturas sexan as que son: AVE, portos deportivos, aeródromos, campos de golf… intraestruturas para o beneficio dunha pouca xente privilexiada, namentres a clase obreira temos que sufrir unhas dotacións deficitarias, obsoletas e perigosas. Sirva como exemplo paradigmático a mortal autovía Vigo-Mos-Porriño.

É por iso que dende a esquerda independentista levamos moitos anos a reivindicar unha rede de transporte público para toda a área metropolitana de Vigo e unhas infraestruturas ao servizo da clase traballadora, isto é, do 99% da poboación. Nomeadamente, a cidade olívica e toda a área metropolitana precisan dunha estación central que ligue a alta velocidade cun ferrocarril de proximidade e cercanías que conecte toda a área con comunicacións por tren entre todas as áreas residencias e centros de traballo. Esa estación debería ser tamén sede do trasporte por autobús metropolitano e urbano de Vigo e arredores.

Aliás, exceptuando o FEVE de Ferrol, Galiza é a única nación peninsular que non conta cunha rede de trens de cercanías para a súas principais áreas metropolitanas e industriais. Unha rede que, no caso de Vigo, Baixo Miño, O Condado, A Paradanta e Morrazo, sexa un medio para unir estas comarcas e levar ás traballadoras e aos traballadores dende as súas residencias aos seus centros de traballo durante as 24 horas do día. De feito, cómpre ter en conta o elevadísimo número de xente de Vigo que traballa nos concellos dos arredores, e viceversa.

Temos que ser conscientes da perigosidade para as vidas e a integridade física da clase traballadora que supoñen as estradas e autoestradas que vertebran a nosa área e, tamén, que a ordenación do territorio, o estudo das infraestruturas de comunicación e de transporte e os servizos públicos deberían ser planificados para demarcacións territoriais máis amplas que o concello.

Cómpre exixir logo, unha estación de tren intermodal que enlace o cada vez máis necesario e urxente tren de cercanías ecolóxico e sustentábel cos trens de longo percorrido substituíndo as súas máquinas por outras de menor custo e aproveitando, coa súa modernización e restauración, os viais da antiga rede de tranvía de Vigo e comarca. Non podemos permitir que máis traballadoras e traballadores perdan a vida a ir ou voltar dos seus centros de traballo.

Moncho Lareu (Militante de Anova Vigo-Mos)

Febreiro de 2015

Publicado no xornal A nova Peneira nº50

Por un transporte colectivo, público, ecolóxico e seguro [Opinión]

[Documento] Hemeroteca sobre o barco Alfageme

Grazas á xenerosidade da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial achegamos este dossier de prensa coa historia do Alfageme. Da mesma, destacariamos, por unha banda, a longa loita de colectivos vigueses pola restauración, musealización e asignación ao Museo do Mar do buque Alfageme e, por outra banda, resaltar a cantidade de cartos públicos xa investidos na restauración dun buque que agora se quere deixar varado na rotonda de Coia.

Compartimos tamén algúns links de casos semellantes doutros países, e mesmo dalgún caso galego, no que a posta en valor deste tipo de buques reporta máis á sociedade que a conversión do patrimonio vigués en puro ornamento paifoco.

http://www.av.it.pt/aveirocidade/pt/barcos/barcos20.21.htm

http://www.fundacaogileannes.pt/engine.php?cat=54

http://www.burela.org/barcomuseo/principal.html

[Documento] Hemeroteca sobre o barco Alfageme